Oleiros, 22 de outubro de 2014-. O Concello de Oleiros, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que é socio e membro fundador, destinará 20.000 euros á recuperación de Palestina tras os últimos bombardeos israelís e outros 10.000 euros á poboación filipina afectada polo tifón de 2013. Esta contía súmase aos outros 10.000 euros xa mobilizados o ano pasado poucos días despois do paso do ciclón Haiyan, cos que se dotou 1.000 familias damnificadas de tendas e artigos non alimentarios básicos de emerxencia.
Hemeroteca
Asset Publisher
No caso de Palestina, a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA) recibirá 10.000 euros para apoiar o traballo dos equipos de saúde mental da entidade que atenden á poboación no contexto posbélico. Os outros 10.000 euros canalizaranse a través da Asociación Médica Hispano Palestina, que vehiculiza a entrada e distribución de material médico e farmacéutico na Franxa. Ademais, a Asemblea xeral de socios do Fondo celebrada esta mañá en Santiago de Compostela decidiu ademais cofinanciar con 152.345 euros seis proxectos de ONGD galegas en países empobrecidos.
Latinoamérica e India
Nicaragua, Honduras, Perú, India e Guatemala son os lugares onde sete ONGD galegas desenvolverán proxectos de cooperación internacional cofinanciados polo Fondo Galego do que forma parte o noso Concello, segundo a resolución da convocatoria de axudas ratificada esta mañá pola Asemblea. Todas elas traballan en parcería con organizacións locais e levarán a cabo ademais actividades de sensibilización en Galicia para concienciar fronte ás desigualdades.
A proposta de Amigos da Terra busca facilitar o acceso á auga dun milleiro de nicaraguanas e nicaraguanos mellorando a infraestrutura e o manexo das fontes, ao tempo que se achegan solucións como a depuración biolóxica. No mesmo país, Taller de Solidaridad contribuirá a fortalecer o turismo sustentable potenciando a autosuficiencia financeira dun centro rural. Mellorar o acceso á auga potable e ao saneamento en sete municipios mediante unha xestión integrada é o fin último da iniciativa formulada por Enxeñería sen Fronteiras no Golfo de Fonseca, onde se desenvolverán formacións e estudos para formular os plans necesarios.
Intered promoverá en Perú a participación das mulleres quechuas e aimaras co fin de mellorar os servizos de atención ás vítimas de violencia familiar e sexual. Tamén na India a ONGD Implicadas no Desenvolvemento apostará por impulsar a participación social e política dunhas 1.500 mulleres do rural, mentres que en Guatemala Arquitectos sen Fronteiras colaborará no desenvolvemento autónomo apoiando unha cooperativa local de materiais de construción e reactivando a organización comunitaria, con enfoque de xénero.