Oleiros, 02 de marzo de 2016-. O sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, celebrarase o Día Internacional da Muller (8 de marzo) coa representación do espectáculo O Furancho, de Ibuprofeno Teatro e escrito e dirixido por Santiago Cortegoso. As entradas poñeranse á venda a un prezo de 2,50 euros a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala.
Esta comedia presenta un Furancho no que pode consumirse o excedente de viño, que é sinónimo de humor, e gozar dun espazo de comuñón e complicidade no que o público acode a empaparse coa máis pura e sincera expresión da comedia hilarante. Para os que non sexan tan amantes de beber alcol poderán gozar no Furancho Spa resort vitinícola Rosalía de Castro de tratamentos de beleza e saúde baseados na viñoterapia. O corpo humano é unha parra que se expande. Cada célula é unha uva que nos flúe por dentro. Nós cruzamos as sementes das cepas máis exquisitas para atopar a combinación perfecta que che achegue relax e benestar. Todo sen química, nin sulfitos. Ecolóxico 100%.
As actrices Isabel Risco e Marián Bañobre son as protagonistas desta obra que ten unha duración aproximada de 80 minutos.