Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros celebra o Día da Biblioteca cunha chea de actividades

Oleiros, 21 de outubro de 2015-. Sobres sorpresa, contacontos, obradoiros de creación de libros, obradoiros de creación de fósiles de dinosauro e moitas outras actividades servirán para conmemorar o Día da Biblioteca nas Bibliotecas Municipais de Oleiros. A programación especial iníciase hoxe xoves e rematará o vindeiro venres 30 de outubro.


BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA. PERILLO

Suxerimos unha “cita a cegas” con libros e películas, baixo  títulos ficticios como “N de nai”, “Toda unha vida...”, “Espelliño, espelliño...”, “A arte de amar” , etc. Queremos "xogar" coa curiosidade do lector ou lectora que leve o "sobre sorpresa" en préstamo e contar coa súa complicidade. Os distintos sobres contarán cun libro máis un DVD ou un libro máis un CD relacionados pola temática, argumento, lugares comúns, etc. Estes dous préstamos serán a maiores dos que cada persoa pode realizar habitualmente. Debido a que é un sobre sorpresa non o deberá abrir ata que chegue á casa. Xa comezaron a repartirse.

O xoves 22, ás 18:30 horas,  a compañía Trinke Trinke contará “O coelliño branco” para nenas e nenos de 4 a 10 anos.

O xoves 29, ás 18:30 horas, Charo Pita realizará o contacontos para bebés titulado “Contopoemas”, dirixido a nenas e nenos de 1 a 4 anos. Imprescindible reservar praza no teléfono 981 639 511.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL XOGRAR MENDIÑO. LORBÉ

O xoves 22, ás 18:30 horas, Chío Couto Rendo realizará o obradoiro creativo denominado “Fotoconto” no que as persoas participantes poderán crear un conto no que as fotografías serán as ilustracións do libro. Dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos. Imprescindible reservar praza no teléfono 981 618 201.
Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ TRINCADO. MERA

O venres 23, ás 18:30 horas, Maumarela realizará o obradoiro denominado “Crea fósiles de dinosauro” no que os participantes poderán crear un fósil de dinosauro e coñecer algunhas curiosidades destes animais tan fascinantes.  Dirixido a nenas e nenos a partir de 4 anos. Imprescindible reservar praza no teléfono 981 628 507.
Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL Mª JOSÉ RUSO. DORNEDA

O luns 26, ás 18:30 horas, Ramiro Neira realizará o contacontos para bebés titulado “Brummmmmm!” dirixido a nenas e nenos de 1 a 4 anos. Imprescindible reservar praza no teléfono 981 626 638.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL MANUEL MARÍA. OLEIROS

O martes 27, ás 18:30 horas,  Magín Blanco realizará a actividade denominada “Libros en-cantados”. Cantar e contar as historias das viaxes de A nena e o grilo, da locomotora María Fumaça, da Rosalía pequeniña... e quen sabe se algunha outra sorpresa nos traerá este músico, que nos levará coas súas creacións a tantos lugares como queiramos.
Actividade incluída no programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ROSALÍA DE CASTRO. SANTA CRUZ

O mércores 28, ás 18:30 horas, Paula Carballeira contará contos para adolescentes baixo o título “Os contos que non me contaron”. Dirixido a adolescentes de 10 a 12 anos. Poderán escoitar desde contos de intriga e misterio ata as máis románticas historias de amor.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL ÁNXEL FOLE. NÓS

O venres 30, ás 18:30 horas, a compañía Trinke Trinke contará “O coelliño branco” para nenas e nenos de 4 a 10 anos.

BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL FEDERICO GARCÍA LORCA. MONTROVE

Bibliotecas cheas de libros e libros cheos de bibliotecas: Exposición de fondos bibliográficos especiais que falen das bibliotecas ou nos que algún personaxe sexa bibliotecario/a.


Ademais haberá actividades comúns en todas as bibliotecas:

Participación na campaña denominada “Viva la biblio” promovida polo Observatorio de la Lectura y el Libro do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Consiste en que os/as participantes declaren o seu amor por algunha biblioteca e/ou bibliotecario/a a través de Twitter á conta @observalibro co  hashtag  #vivalabiblio. Permítese enviar máis dunha mensaxe e no formato en que se desexe (texto, ilustración, foto, vídeo etc.). Os tuits poderán remitirse ata o 25 de outubro.

Obradoiro de marcapáxinas: Cada usuario/a decorará un marcapáxinas ofrecido pola biblioteca, ou poderán elaborar os seus propios marcadores coa axuda dos libros de traballos manuais que hai nas bibliotecas.

Encrucillado “A biblioteca e o seu contido”: Entregaranse pasatempos, (encrucillados, sopa de letras...) que deberán resolver para atopar nuns casos a palabra oculta e noutros as diferentes cousas que se poden atopar ou facer na biblioteca.

Os teus debuxos: Todas as nenas e nenos que o desexen están invitados a realizar unha ilustración ou un debuxo sobre o último libro que leron.

 

back link