Oleiros, 20 de novembro de 2013-. O auditorio do complexo cultural A Fábrica acolle mañá a partir das 19.00 horas un acto de homenaxe á figura de Manuel Pardo de Andrade con motivo do bicentenario da publicación da súa obra Os Rogos dun gallego. Durante este acto, organizado pola Real Academia Galega coa colaboración do Concello de Oleiros e a Secretaría Xeral de Cultura, presentarase o novo facsímile conmemorativo desta obra editada pola Real Academia.
O acto comezará cunha serie de conferencias sobre o autor. As charlas comezarán coa intervención de Henrique Monteagudo que profundará na obra en galego de Manuel Pardo de Andrade: posteriormente será a quenda de Rosario Álvarez Blanco, que disertará sobre o idioma galego utilizado polo autor. Por último intervirá Xesús Alonso Montero, quen fiará o seu discurso en torno a unha charla titulada Da excelencia literaria dun romance de cego.
Posteriormente, sobre as 20.45 horas, a xornada será clausurada coas intervencións de Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega e Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.