Oleiros, 29 de maio de 2012-. O próximo sábado 2 de xuño o Concello de Oleiros celebra a XIX edición da Romaría das Merendiñas. Preto de 1.200 persoas maiores de 60 anos de todo o municipio participan nesta festa, na que colaboran máis de 100 persoas voluntarias, moitas delas pertencentes a colectivos do movemento veciñal oleirense. A festa celebrarase na finca das Torres en Santa Cruz, se o tempo o permite. No caso de que chova, os actos trasladaranse ao pavillón de Santa Cruz, próximo á finca das Torres.
Durante a celebración, que se prolongará ao longo de todo o día, poderase gozar do tradicional menú das Merendiñas composto por empanada, roxóns e chourizos ao estilo Santaia. De sobremesa haberá larpeira de Lorbé e queixo fresco con marmelo. A festa estará amenizada pola orquestra Os Senadores. Ademais a Banda da Escola Municipal de Música ofrecerá un concerto a partir das 13.00 horas.
Esta festa está dirixida especialmente ao colectivo de maiores do municipio, é unha xornada especial onde o Goberno local pretende homenaxear a todas as persoas maiores do municipio cunha celebración de marcado carácter primaveral. As Merendiñas representan toda unha festividade en Oleiros, xa que nesta celebración retómase o espírito tradicional. Os veciños e as veciñas xúntanse para celebrar a primavera cunha comida campestre onde a música e a amizade son protagonistas.
Transporte colectivo
Para facilitar o traslado de todas as persoas maiores que queiran participar haberá 3 autobuses que percorrerán todas as localidades do municipio desde as 12:30 horas. Un percorrerá a zona norte (Lorbé, Dexo, Serantes, Maianca e Dorneda), outro virá desde a zona de Perillo e Montrove e un terceiro vehículo recollerá a xente das parroquias de Iñás, San Pedro e Oleiros.
O programa é o seguinte:
12:30 h Apertura das portas de acceso
13:00 h Actuación da Banda da Escola Municipal de Música
14:30 h Comida
16:30 h Actuación da Orquestra Os Senadores
20.00 h Fin da festa