Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros acolle unha reunión da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación

Oleiros, 5 de marzo de 2014-. O Concello de Oleiros acolle mañá unha das seis xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convocou para este primeiro semestre do ano. O Concello, socio fundador da entidade, será o anfitrión dun encontro que reúne ao persoal técnico das administracións asociadas para dar conta dos proxectos apoiados en países do Sur e amosarlles as actividades de sensibilización que poderán implementar ao longo de 2014. A cita será ás 10.30 horas no Castelo de Santa Cruz.

Entre o 4 e o 12 de marzo desenvólvense estes foros nos Concellos de Santiago de Compostela, Oleiros, Ourense, Vigo, Lugo e Pontevedra. A Rede Municipalista Solidaria está integrada polas técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego de Cooperación en cada una das preto de cen administración locais e provinciais socias. Cada quen escolle a cal reunión acudir, en ocasións na compaña de representantes políticos municipais.

Nas xuntanzas, a Secretaría Técnica do Fondo Galego infórmalles sobre o estado da asociación, dos proxectos no exterior e das actividades dispoñibles.  Neste senso, prestarase especial atención ao Plan 2014, que reedita fórmulas de éxito como o concurso Imaxes con Fondo, o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, os contos da Tropa de Trapo, os ciclos de cine ou as exposicións. Entre as novidades que se ofertan, destacan os obradoiros de fotografía ou os encontros dixitais #Alén2015. 


Tamén se exporá a segunda fase da iniciativa Networking for Developement, onde o Fondo Galego participa como referente para promover as redes de cooperación descentralizada en Europa, e supervisaranse os proxectos de cooperación promovidos canda ONGD galegas en Mozambique, Cuba e El Salvador. Realízase así un exercicio de transparencia e rendición de contas, amais de facilitar un meirande aproveitamento das diversas posibilidades para introducir na vida local unha visión global do mundo en que vivimos.
 

back link