Oleiros, 31 de maio de 2012-. O Concello de Oleiros acolle mañá venres 1 de xuño, ás 20.00 horas no salón de plenos da Casa Charry, a presentación do libro O latexo da vida e das conciencias, de Rafael Pillado. Durante o acto, no que tamén estará presente o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, Pillado falará do seu libro e da súa vida como sindicalista. Posteriormente, intervirá Manuel Rodríguez Carballeira, presidente da asociación Fuco Buxán.
Esta obra é un percorrido vital polas memorias de Rafael Pillado, extraballador da empresa Bazán, fundador de Comisións Obreiras en Galicia e na actualidade un incansable defensor da ría de Ferrol e dos seus contornos. Pillado leva a cabo un intenso labor social ante perigos medio ambientais como a planta de gas Reganosa.