Oleiros, 22 de marzo de 2012-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, participou esta mañá na presentación dos XVII Xogos de Deportes Minoritarios, que se celebrarán no pavillón de Bastiagueiro este sábado. Durante o acto García Seoane, estivo acompañado polo concelleiro de Servizos Sociais, Ignacio Crespo, polo presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, por Manuel Peñido, deportista e membro de ASPRONAGA, así como por Elias Palacio, representante desta última asociación. Durante o acto García Seoane destacou o compromiso do Goberno Local cos valores que transmite este tipo de actividade, onde as persoas participantes poden gozar do ocio e do lecer do deporte na igualdade.
A edición dos xogos que se disputarán en Oleiros o sábado está organizada por Special Olympics Galicia en colaboración con Fademga FEAPS Galicia e promovida pola Asociación ASPRONAGA, e contará coa participación de 27 asociacións de toda Galicia que desprazarán un total de 383 deportistas con discapacidade intelectual e 94 adestradores, que contarán co apoio doutras 100 persoas voluntarias. Entre as asociacións participantes atoparase unha delegación de Special Olympics Asturias, que acompañará os deportistas galegos durante esta xornada e que estará composta por 8 deportistas e 2 adestradores.
Os Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios, destacan por formar parte do programa “Juntos lo logramos” da Fundación MAPFRE e por constituír unha das principais citas que Special Olympics Galicia organiza todos os anos como parte do seu sólido e amplo programa de actividades deportivas dirixidas ás persoas con discapacidade intelectual.
Ademais de participar nas modalidades de tenis de mesa, bádminton e petanca, tamén se celebrarán probas motrices, compostas por desprazamento, tiro de disco, recepción de pelotas, lanzamento a canastra, lanzamento de precisión, tiro a portería, raquetas e pelotas, equilibrio dinámico, desprazamento con diferentes apoios e bolos.