Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros acolle a primeira exposición do artista Moustapha Badiane en Europa

Oleiros, 27 de febreiro de 2013-. O Centro Cultural A Fábrica acollerá desde hoxe e ata o próximo 7 de marzo unha exposición de pintura que fai unha viaxe retrospectiva aos cinco últimos anos da obra do pintor senegalés Moustapha Badiane, que expón por primeira vez en Europa. A mostra consta de nove obras que viaxaron a Oleiros desde Dakar, e ten como temáticas principais a inmigración clandestina, a paz e unha interpretación moi persoal sobre as erupcións volcánicas.

Moustapha é un novo valor saído da segunda promoción da escola nacional das artes de Dakar en 2008 cunha mención. A elección de ser artista non a impuxo el, como di, foi a arte en realidade quen o escolleu. Desde a súa infancia, entregábase aos garabatos de formas humanas sobre as paredes das casas do seu barrio en Yoff e sobre todos os soportes que ía atopando.  Nado en Yoff en 1981, actualmente exerce como profesor de arte e pintura en varias escolas de Senegal.  Expón desde o ano 2008 en diferentes lugares e espazos ao longo de todo Senegal. Toda a obra do artista "tafa", xira ao redor do culto da personalidade na cultura tradicional a Léboue, vilas de pescadores ao longo da costa senegalesa.

Consciente da degradación dos costumes nos tempos actuais, o artista traballa na temática do arraigamento, que na súa obra representa un valor esencial para o desenvolvemento da persoa sobre os valores tradicionais no mundo moderno. Deste xeito, xurde o equilibrio permanente entre cores quentes e cores frías presente na súa obra.

A exposición está promovida polo proxecto Causas Comúns en colaboración co Concello de Oleiros. O proxecto Causa Comúns naceu en Dakar (Senegal) en setembro de 2012, coa idea de dar a coñecer realidades e traballos de xente que nos rodea ou ben que se atopa a miles de km. Causas comúns non é unha ONG, é un colectivo de xente, institucións, pequenos negocios, etc., que colaboran a través dos valores do traballo. Esta iniciativa parte do fotógrafo Gabriel Tizón, que inicia unha plataforma, un espazo común, para unir e informar a xente en tempos de censura, independentemente de onde se atopen, utilizando medios en liña e espazos expositivos formais e informais, relacionando a fotografía, música, pintura e o teatro. Realizaranse actividades en distancias longas e curtas, é dicir, con aqueles que viven en países afastados, e por suposto tamén con aqueles que nos rodean.
 

back link