Oleiros, 14 de abril de 2016-. O Concello de Oleiros, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, acolle na Fábrica do 15 ao 28 de abril unha exposición de 25 paneis que ten como obxectivo axudar a coñecer a personalidade e a obra literaria de Manuel María. Esta exposición da Fundación Manuel María de Estudos Galegos consta de imaxes, textos do propio autor e dunha breve introdución. Estrutúrase en tres grandes grupos temáticos: o que trata aspectos da súa biografía, o que informa sobre a súa obra e os seus temas e un último grupo, que dá conta das homenaxes e recoñecementos que recibiu Manuel María.
Con esta exposición comezan as actividades centradas nas Letras Galegas e que continuarán durante este mes e ao longo do mes de maio, con obradoiros, excursións, obras de teatro, concertos...
Ademais, mañá venres 15 de abril, o alumnado de 4º e 5º do CEIP Luis Seoane e do CEIP Isidro Parga Pondal asistirán ao teatro As Torres para ver Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Unha obra de Manuel María, interpretada por Trinke Trinke, que fai unha crítica social ao abuso do poder.