Oleiros, 9 de abril de 2013-. O Concello de Oleiros procederá a abrir un expediente sancionador ao Ministerio de Fomento despois de que este desoíse a notificación pola que se lle instaba a levar a cabo a limpeza dos parterres da N-VI da súa titularidade ao paso polo municipio. A sanción podería supoñer unha multa coercitiva de ata 6.000 euros mensuais ata que o Organismo levase a cabo os traballos de limpeza.
O Goberno local reclamara hai meses á Delegación de Estradas da Coruña do Ministerio de Fomento que mellorase e limpase os parterres situados ao longo da N-VI, xa que o abandono por parte do Ministerio degrada a imaxe do municipio.