Oleiros, 1 de decembro de 2016-. O Voluntariado de Oleiros, en colaboración co GADIS de Bastiagueiro, realizará unha recollida de produtos de nadal, así como outros de hixiene e limpeza, con destino ao Banco Solidario. Será este sábado, entre as 10:00 e as 22:00 horas, no Gadis de Bastiagueiro.
O equipo de voluntarios e voluntarias estará durante todo o día á entrada do supermercado nun posto, onde se informará da actividade desenvolvida polo Voluntariado de Oleiros e se recollerán as doazóns. Os produtos que se solicitan nesta recollida son produtos tradicionais destas festas, así como de hixiene e limpeza, destinados exclusivamente a familias de Oleiros que se atopan nunha precaria situación económica.
Esta campaña, así como outros actos previstos en próximas datas, son organizados polo propio Voluntariado, dentro da súa organización interna por proxectos e equipos tras a aprobación do Regulamento do Voluntariado este ano por parte do Pleno Municipal, tras ser elaborado por eles mesmos a través dun proceso participativo e aberto.
O Banco Solidario é un dos proxectos do Voluntariado de Oleiros, no que colaboran preto de 20 persoas e que ten como obxectivo apoiar a aquelas familias nunha situación de maior vulnerabilidade económica e complementar os distintos recursos que xa existen desde os Servizos Sociais.