Oleiros, 14 de maio de 2018-. O vindeiro venres día 18 de maio procederase á inauguración do novo local municipal que se atopa no parque da Lagoa e a gran cuberta que foi construída tamén no centro da praza. Para celebralo, haberá un concerto da artistas Ses a partir das 22 horas.
O novo local municipal, de máis de 200 metros cadrados, foi adquirido polo Concello de Oleiros e tivo un custo de 115.000 euros. No seu interior acometeuse unha completa reforma para crear dous espazos: un local de usos múltiples e un ximnasio que usarán prioritariamente a Asociación de Veciños San Cosme de Maianca e o Centro Deportivo Mariñeiro de Mera.
No parque da Lagoa investíronse máis de 350.000 euros na construción dunha grande cuberta que ocupa a parte central da praza. Para acometer unha mellora integral de todo o ámbito, dotar a praza de maior amplitude e rematar coa degradación que se daba detrás da zona do palco, o Goberno municipal tamén decidiu demoler o escenario existente no centro da praza. Ademais ampliouse e renovouse por completo a zona de xogos infantís.
A inauguración do local está prevista para as 21:00 horas. A continuación, a partir das 22:00 horas, a praza da Lagoa acollerá o concerto da cantante Ses.