Hemeroteca

Asset Publisher

Back O venres haberá unha asemblea na Fábrica para determinar as mobilizacións que se levarán a cabo

Oleiros, 10 de novembro de 2016-. Os veciños e veciñas de Perillo, e doutras localidades do municipio, poderán participar na asemblea informativa convocada para mañá ás 20:30 horas na Fábrica na que se tratarán graves problemas existentes na N-VI ao seu paso por Oleiros. O alcalde, Ángel García Seoane, informará neste encontro dos compromisos adquiridos por parte do Ministerio de Fomento e tamén se determinarán as posibles mobilizacións que se levarán a cabo no caso de que eses acordos non cheguen a materializarse de xeito inmediato.

O Ministerio de Fomento comprometeuse a pasada semana a construír dous pasos elevados entre a intersección de Beiramar-Agramar e O Seixal. Os responsables provinciais do Ministerio tamén informaron que o Goberno central habilitaría unha partida nos orzamentos do Estado para 2017 destinada a iniciar as obras do cruzamento de Beiramar-Agramar, que se desenvolverían en tres anos. O túnel e a rotonda en superficie que se pretende construír neste conflitivo punto tería un custo de 16 millóns de euros.

En canto á ampliación da ponte da Pasaxe, malia os falsos anuncios realizados por parte da ex-ministra Ana Pastor, os responsables de Fomento aseguraron que polo momento aínda non existe proxecto definitivo. O mesmo acontece coa ampliación da estrada N-VI entre a nova rotonda do Carballo e a Urbanización O Pinar, que se atopa en fase de estudo.
 

back link