Oleiros, 5 de outubro de 2015-. O Concello de Oleiros comeza esta semana coa campaña de teatro escolar, unha proposta de formación e difusión das artes escénicas entre o público infantil e xuvenil. Trátase dun investimento a longo prazo e unha aposta por asegurar un público adulto estable no futuro. Esta campaña supón ademais un recoñecemento do importante labor social e educativo que as artes escénicas desempeñan e da importancia que deben ter no proceso de socialización desde idades temperás.
O programa de teatro escolar está destinado ao alumnado dos cursos de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria dos centros de ensino públicos do Concello de Oleiros, e se desenvolverá no Auditorio Gabriel García Márquez o venres 9 de outubro co espectáculo Roedores, da compañía Redrum Teatro, un espectáculo familiar con música en directo que trata de educar en valores de fomento da igualdade, e o venres 16 de outubro co espectáculo RA RA RA, da compañía Abrapalabra Creacións Escénicas, un espectáculo divertido no que xogando en verso ou en prosa, dous actores e dúas actrices fan que as ras descubran que na noite tamén pode haber luz e, perdéndolle o medo, aprendan a cantar.