Oleiros, 27 de xuño de 2016-. O Festival de Bandas de música do Concello de Oleiros celebrará a súa XI edición o vindeiro venres 1 de xullo ás 20:00 horas no Parque José Martí de Perillo. Ademais da Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros actuará a Banda de Música de Calahorra.
A presenza en Oleiros da banda rioxana supón a primeira participación dun conxunto de fóra de Galicia neste certame que organiza o Concello de Oleiros. A agrupación de Calahorra, que dirixe Eduardo Peña, é unha das bandas referentes no panorama estatal é goza dun importante prestixio musical debido á súa excelente traxectoria.
Todas aquelas persoas que asistan a este evento musical poderán escoitar obras dunha elevada calidade nun marco incomparable como é o parque José Martí, que se mantén como escenario deste certame por segundo ano consecutivo.