Para consolidar as prazas de persoal temporal o Concello –como todas as Administracións públicas- realizou un proceso de estabilización en aplicación da Lei estatal que o habilita. Neste caso concreto da asesoría xurídica do departamento de urbanismo, o Concello convocou un concurso, non unha oposición libre, seguindo os criterios legais establecidos polo Estado.
No concurso, igual que fixeron a Xunta de Galicia e a FEGAMP, o Concello establece como criterio de desempate o de ser persoal do Concello, por tratarse dun proceso excepcional de consolidación de persoal temporal. Tamén se estipulou unha puntuación superior para os anos de traballo no Concello de Oleiros, por tratarse dun proceso de consolidación, o que o TSXG recoñece favorablemente; pois non se trata dunha oposición libre, senón dun suposto excepcional.
Entre outras falsidades da noticia publicada, tamén é mentira que a praza fose adxudicada a unha persoa que traballara durante 4 meses no departamento de urbanismo. Levaba desenvolvendo o traballo 20 anos, desde o 2005.
É de lamentar que se manipule de forma tan torpe unha sentenza xudicial para intentar desprestixiar o rigoroso traballo do Concello de Oleiros, acorde á legalidade vixente en todo momento.