Oleiros, 10 de outubro de 2011-. O servizo de lacería mancomunado impulsado por o Concello de Oleiros a través do Consorcio das Mariñas comezará a funcionar o próximo 1 de novembro. As vantaxes da prestación mancomunada póñense de manifesto considerando o importante aforro que vai supoñer para as arcas municipais esta modalidade. Outra vantaxe da prestación unificada se atopa no feito de relacionarse os nove concellos cunha única empresa concesionaria do servizo, o que posibilitará que os protocolos de chamadas e retiradas de animais que poidan supoñer un perigo serán idénticos en toda a comarca, mellorando a eficiencia e os fluxos de información que os servizos de emerxencia dun concello poidan precisar dos de outro. Tamén supón unha vantaxe para os veciños e veciñas que extravían ao seu can ou animal de compañía o feito de que o concesionario do servizo sexa o mesmo para toda a comarca, xa que poderán rapidamente e doadamente poñerse en contacto coa empresa para recuperar o animal canto antes.
O servizo para a atención de emerxencias a petición dos corpos de seguridade, servizos de emerxencia e autoridades dos concellos que integran o Consorcio das Mariñas funcionará as 24 horas os 365 días do ano, tal e como era o servizo que anteriormente estaba a prestar este Concello, polo tanto sen diminución de ningún tipo na nova prestación. O novo contrato require que a empresa conte cun servizo de canceira con instalacións adecuadas á normativa, e que conte cos medios para a correcta identificación e coidados dos animais, así coma os traslados que correspondan. Xunto co servizo 24 horas para casos de emerxencia á petición dos organismos públicos, os cidadáns disporán dun servizo de recollida e transporte de animais vivos e mortos en horarios de 09:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 18:00 h. A empresa conta cos medios persoais suficientes para a prestación do servizo mancomunado e cinco vehículos para atendelo, e facilitará as súas relacións cos cidadáns cos creación dunha páxina web onde dar toda a información relativa ao servizo, así como dos animais dispoñibles para a súa adopción.
O Consorcio das Mariñas tamén aprobou o pasado maio a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de lacería e canceira no que se prevén os prezos públicos que terán que aboar polos servizos as persoas usuarias e que axudarán a cofinanciar o servizo. O Concello de Oleiros impulsou decididamente e dende hai anos a prestación do servizo a través do Consorcio polas vantaxes tanto de xestión de cara aos veciños e veciñas como económicas favorecendo que cada un dos concellos obteñan un importante aforro fronte a contratación por separado.