Oleiros, 05 de xaneiro de 2015-. O proxecto de ampliación da estrada DP-5815, desde Mera ata a rotonda da vía Ártabra atópase exposto na Casa do Concello a disposición de todos os veciños e veciñas. O Goberno municipal de Oleiros conseguiu que a Deputación da Coruña retomase esta importante obra que conectará o centro da localidade de Mera coa vía Ártabra.
Con esta actuación a estrada da Besta pasará a ter 7 metros de pavimento para a circulación de vehículos, cunetas e outros tres metros máis de beiravía para que os peóns poidan transitar de xeito seguro. A actual estrada conta con 5 metros de ancho na maioría do traxecto e non dispón de beiravías nin cunetas. Para acometer a obra será preciso realizar expropiacións nalgúns puntos xa que ademais da ampliación da estrada, as gabias e as beiravías serán canalizadas as pluviais.
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, destacou a importancia desta obra para a localidade de Mera, que pasará a dispoñer dunha conexión excelente coa vía Ártabra. “Isto vai permitir un desenvolvemento importante en Mera en todos os ámbitos. Hai que pensar que a vía Ártabra non vale de moito se non temos unhas conexións axeitadas”, dixo.
Ángel García Seoane tamén destacou a importancia do cambio de goberno na Deputación da Coruña. “Grazas á nosa presenza no organismo provincial estamos conseguindo moitos investimentos importantes para Oleiros. Este proxecto en concreto redactouse hai xa dúas lexislaturas porque nós o solicitamos. Coa entrada de Diego Calvo, o PP boicoteou esta obra e moitos outras para prexuízo de todos os e as oleirenses”, explicou.