Hemeroteca

Asset Publisher

Back O programa Ler conta moito continúa esta semana con interesantes actividades para nenos e nenas

Oleiros, 7 de outubro de 2013-. O programa Ler conta moito programa actividades en seis bibliotecas do municipio que se levarán a cabo ao longo da próxima semana. Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura a través das bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia co Concello de Oleiros. Con esta actividade as nenas e nenos poderán fomentar a creatividade con obradoiros de plastilina, gozar e aprender con sinxelos experimentos científicos, escoitar contacontos, ver espectáculos de monicreques, participar nun taller sobre a arte nos libros ou entreterse cun espectáculo de maxia.

Hoxe ás 18.30 horas, na Biblioteca Municipal Mª José Ruso de Dorneda a compañía Expresión producións presenta o espectáculo Contos para todos, para nenas e nenos a partir de 3 anos. Mañá martes día 8 á mesma hora a compañía Elefante Elegante presenta a actuación “O aviador”, para nenas e nenos a partir de 3 anos, na Biblioteca Municipal Manuel María de Oleiros. Simultaneamente, na Biblioteca Municipal Federico García Lorca de Montrove, a compañía Larraitz realizará a actividade Títeres nas mans, para nenas e nenos a partir de 3 anos. Debido a que son prazas limitadas, é imprescindible inscribirse chamando ao teléfono da biblioteca 981 639 515.

Xa o mércores, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro, de Santa Cruz, realizarase o espectáculo titulado “A ciencia é divertida” a cargo de Nita, no que se levarán a cabo dúas sesións. A primeira será ás 17.00 horas, dirixida a nenas e nenos de 0 a 3 anos, a segunda terá lugar ás 18.30 horas e será para nenas e nenos de 3 a 6 anos. Debido a que en ambas sesións son prazas limitadas, é imprescindible inscribirse chamando ao teléfono da biblioteca 981 626 338. Tamén o mércores ás 18.30 horas na Biblioteca Municipal Xograr Mendiño de Lorbé,, a compañía Crearte realizará a actividade “Arte nos libros! Con Leonardo da Vinci”, dirixida a nenas e nenos de 5 a 14 anos, na que se levará a cabo unha proxección de imaxes para descubrir a este artista, creador, inventor e explorador e a continuación realizarase un obradoiro no que os nenos e nenas crearán a súa pequena cámara escura e farán outros experimentos sobre a luz. Debido a que son prazas limitadas, é imprescindible inscribirse chamando ao teléfono da biblioteca 981 618 201.

A programación continuará o xoves ás 18.30 horas na Biblioteca Central Rialeda sita en Perillo, onde o mago Chrystyan Magic presenta o espectáculo de maxia “Na senda da serpe alada”. Xa o venres día 11 na Biblioteca Municipal Mª José Trincado, de Mera, ás 18:30 horas, a compañía  Xanela, ocio e animación realizará a actividade “Mira como cho conto!!”, para nenas e nenos a partir de 3 anos. É para rematar as semana, tamén o venres 11 de outubro, na Biblioteca Municipal Ánxel Fole de Nós, ás 18:30 horas, a compañía Larraitz realizará a actividade “Títeres nas mans”, para nenas e nenos a partir de 3 anos. Debido a que son prazas limitadas, é imprescindible inscribirse chamando ao teléfono da biblioteca 981 664 257.
 

back link