Oleiros, 9 de outubro de 2014-. O Concello de Oleiros, a través Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que membro fundador, organiza a segunda edición do certame Imaxes con Fondo. Trátase dun interesante concurso fotográfico que convida á reflexión arredor da nosa responsabilidade na construción dun mundo máis xusto. O prazo para presentar os traballos remata o próximo 15 de novembro.
Cambia, reivindica e constrúe é o lema do apartado para persoas adultas para esta segunda entrega. No certame búscanse imaxes que reflictan como determinadas prácticas das sociedades do Norte inciden negativamente sobre os pobos do Sur, contribuído así a concienciar sobre os efectos da globalización. Pola súa parte, a categoría xuvenil, titulada A solidariedade dá sentido as nosas vidas, poderán presentarse fotografías que amosen actitudes solidarias na nosa contorna ou ben que denuncien a insolidariedade.
Na categoría de persoas adultas, o primeiro premio será unha viaxe a Nicaragua co fin de realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos apoiados polo Fondo. A sección xuvenil, dirixida a mocidade de entre 14 e 17 anos, está dotada cunha cámara réflex. Pódese consultar as bases completas na páxina web do Fondo ou a través do portal web municipal, na sección de Cooperación.