Momboi naceu en 2018 coa gravación do seu debut discográfico Ofrenda (Bungalow Studios), un primeiro EP de cinco cancións. En 2020, a banda foi finalista do XII Certame Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais organizado pola Deputación da Coruña.
Vacacións en Ornanda é o último traballo discográfico. Nel, a banda colle a tenrura por bandeira e transita pola beleza dos lugares comúns ao compás de medios tempos e pasaxes melódicas. “As letras e a música deste disco buscan conectar co medio natural e co noso lado máis humano”. A esencia do disco plásmase nos directos de Momboi que, xunto coa súa estética lograda, enchen o escenario de luz e beleza, convertendo calquera dos seus directos nun lugar para gozar da boa música.
Integrantes: Brais Sánchez (voz, guitarra, letrista)
Daniel García “Carba” (baixo e voces)
André Garabato (teclado e sintetizadores)
Beny Mayo (batería)