Hemeroteca

Asset Publisher

Back O pobo de Oleiros confeccionará un libro para agasallar á pediatra Cecilia Vecillas

Oleiros, 11 de decembro de 2015-. O Concello de Oleiros distribuíu nos centros de ensino público de infantil e primaria e na Biblioteca Rialeda unhas follas para que todas aquelas persoas que o desexen participen na creación dun libro co que agasallar á pediatra Cecilia Vecillas con motivo da súa xubilación. Ademais desta iniciativa, existe un buzón de suxerencias na web municipal para propoñer ideas de cara ao acto de homenaxe que terá lugar en xaneiro.

As láminas contan cun encabezado -“á miña querida Cecilia:”- ao que lle poden seguir tanto textos coma debuxos ou imaxes. A folla, na súa parte inferior, tamén recollerá o nome de cada autor e a súa idade para que quede constancia de quen elabora cada páxina. Unha vez recompilados todos os folios, serán encadernados para darlle forma de libro.

Á marxe desta iniciativa, na web municipal www.oleiros.org existe un espazo a través do cal todos os veciños e veciñas poden enviar as súas suxerencias e ideas para homenaxear a esta pediatra que durante máis de 30 anos atendeu aos nenos e nenas de Oleiros.

“É unha mágoa que se xubile. Cecilia é unha profesional dos pés á cabeza. Xente así non se debería xubilar nunca”, comentou Ángel García Seoene. O alcalde de Oleiros tamén destacou a calidade humana desta pediatra que dedicaba as súas vacacións a curar nenos e nenas en países desfavorecidos.
 

back link