Oleiros, 23 de setembro de 2015-. O vindeiro xoves 24 de setembro, ás 20:00, celébrase o pleno ordinario do mes de setembro. A Casa Charry acolle esta sesión na que o goberno municipal presentará unha moción para defender ás comisións de festas fronte aos ataques que está a recibir por parte do Ministerio de Facenda.
O acordo plenario sobre as comisións de festas será remitido a todos os concellos de Galicia co fin de que secunden esta moción. “Non se pode perseguir ás comisións de festas como se foran empresas privadas con afán de lucro. Fan un traballo inmenso para quitar adiante as festas. Ademais, hai que ter en conta que grazas as festas viven milleiros de persoas en toda Galicia”, explicou o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. Tamén destacou a “singularidade cultural” das festas galegas e reclamou medidas para controlar a actividade “dos intermediarios que explotan aos músicos e se enriquecen á súa costa”, dixo.
Ademais desta cuestión e dalgunha outra máis, a Confederación Intersindical Galega dispoñerá de cinco minutos para presentar no pleno a súa proposta de moción na que se propón á Xunta de Galicia o establecemento dunha nova tarifa eléctrica para rematar coa pobreza enerxética. “Nós estamos completamente de acordo con esta proposta da CIG e tamén defendemos que hai que facer moitos cambios no eido da electricidade”, explicou o alcalde de Oleiros Ángel García Seoane.