Hemeroteca

Asset Publisher

Back O pleno aproba definitivamente a Relación de Postos de Traballo municipais

Oleiros, 29 de novembro de 2018-. O pleno do Concello de Oleiros aprobou definitivamente na sesión celebrada hoxe a Relación de Postos de Traballo municipais, que previamente acordaron de maneira unánime o Goberno municipal e todas as organizacións sindicais, así como o comité de empresa e a xunta de persoal. A intención do Goberno municipal de realizar unha nova Relación de Postos de Traballo veu motivada pola necesidade do Concello de confeccionar unha actualizada -a existente databa do ano 2003-, de contar cun novo organigrama administrativo axustado aos cambios lexislativos e que dotase ao concello dunha serie de instrumentos de planificación de recursos humanos actualizados que permitan crear unha estrutura ordenada, xerarquizada, áxil e eficaz acorde ás necesidades actuais de prestación de servizos que demandan os veciños e veciñas. 

O pleno tamén aprobou o novo regulamento para o funcionamento do Mercado Municipal de Perillo. O texto foi consensuado previamente cos actuais praceiros e consta de 45 artigos nos que se especifican claramente as normas básicas do Mercado.

Ademais, o Goberno municipal aprobou tres asuntos urbanísticos de maneira definitiva: o Plan Especial dos terreos propiedade municipal de Bastigueiro, fronte ao INEF, que ocupan unha extensión de 70.180 metros cadrados e onde se contempla a creación de novas infraestruturas públicas, así como zonas verdes e de ocio; a modificación puntual do Plan Xeral en Mesón da Auga, que afecta a unha parcela da Xunta de Galicia; e o Plan Parcial da Ferrala, en Liáns, para un desenvolvemento urbanístico.

No pleno aprobáronse dúas declaracións institucionais. Unha das declaracións manifesta o rexeitamento do Concello de Oleiros ao peche da factoría Alcoa-Inespal da Coruña. A outra condena a violencia de xénero que sofren as mulleres.

Na capítulo de mocións, foi aprobada unha para demandar á Xunta de Galicia a creación dun servizo de psiquiatría no municipio, a ampliación do centro de saúde de Mera e o incremento dos servizos de pediatría existentes. No documento solicítase tamén un novo encontro institucional coa Xerencia de Atención Primaria do SERGAS para abordar estas cuestións. 
 

back link