Oleiros, 11 de abril de 2019-. O pleno do Concello de Oleiros celebrado esta mañá aprobou a imposición e ordenación de contribucións especiais para a execución da obra de ampliación e urbanización da rúa da Tema, en Mera. Parte do trazado desta vía pública atópase sen pavimentar e precisa das redes de recollida de pluviais e de abastecemento de auga.
O pleno tamén acordou rexeitar o requirimento formulado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de anulación do acordo plenario do 29 de novembro de 2018 sobre a aprobación definitiva do Plan parcial do SUND-30 na Ferrala, en Liáns. Este desenvolvemento urbanístico que vai realizar un grupo de veciños e veciñas axústase á normativa estipulada no Plan xeral de Oleiros.