Hemeroteca

Asset Publisher

Back O pleno aproba a actualización de varias ordenanzas fiscais e unha modificación puntual do PXOM

Oleiros, 30 de setembro de 2011-. O Pleno municipal correspondente ao mes de setembro que tivo lugar onte na Casa Charry aprobou a actualización de varias ordenanzas fiscais e dúas modificacións puntuais do PXOM, unha que adecuará a ordenanza hoteleira ás directrices da Xunta e outra que mellorará o ordenamento do POL-16, unha bolsa de solo urbanizable no casco urbano de Perillo. Así mesmo, durante a sesión aprobáronse a proposta do grupo de goberno, tres subvencións nominativas para cubrir os gastos de luz e auga dos clubs de fútbol do municipio con campo propio ou en aluguer, unha para o Marino de Mera, outra para o Atlético de San Pedro e unha terceira para o Dorneda.

A maioría das taxas que se revisaron na sesión de onte non se actualizaban desde o ano 2008, polo que o seu incremento corresponde ao IPC do período comprendido entre xuño dese ano e xullo deste, un 4,4 %. A pesar desta lóxica e necesaria actualización o grupo de goberno atopouse en moitos casos coa negativa da oposición. Ademais destas taxas co IPC desfasado, revisáronse dúas ordenanzas cuxo importe non se actualiza desde hai máis de 10 anos. Trátase da taxa por ocupación de terreos de uso público con mercancías, materiais de construción e da taxa por instalación de terrazas en locais de hostalería que soben un 33,2%. A pesar desta subida ambas se atopan entre as máis baratas da comarca, como sinalou onte durante a sesión o alcalde, Ángel García Seoane.

Outra das taxas cuxo prezo se viu incrementado é a tarifa por abastecemento de auga que experimentou unha subida do 5,26%. Como apuntou onte durante a sesión a concelleira de Facenda, María José Varela, esta revisión débese ao «altamente deficitario que é este servizo no municipio». Incluso con este axuste, que non cobre a porcentaxe necesaria sinalada polo estudo técnico, Oleiros continúa tendo a tarifa de auga máis económica de toda a comarca. O grupo de goberno propuxo a creación dunha taxa pola prestación do servizo de realización de vodas e acollementos civís por un importe de 120 euros para cubrir os gastos municipais derivados deste tipo de cerimonias.

Por último, no capítulo de mocións, rogos e preguntas a corporación acordou presentar tres importantes mocións. Unha sobre educación outra sobre normalización lingüística e unha terceira sobre economía. Na primeira, acordouse instar á Xunta a que sinale de forma concreta e precisa cando comezarán as obras do necesario colexio de Nós e que aclare cando se abrirá a Casa Labarta como escola infantil. A segunda, solicítase ao Goberno autonómico a que cese nos seus recortes ás políticas de normalización lingüística. Na terceira, dirixida ao Goberno de España, solicitouse que se conceda un aprazamento do pagamento da débeda dos municipios co Estado.

back link