Hemeroteca

Asset Publisher

Back O pleno acorda reclamar á Xunta a utilización completa da Casa do Mar de Mera para centro de saúde

O pleno do Concello aprobou reclamar novamente á Xunta de Galicia a utilización completa do edificio da Casa do Mar para poder incrementar e mellorar a actual prestación de servizos médicos, creando así un verdadeiro Centro de Saúde, acorde coas necesidades presentes e futuras das parroquias de Maianca, Serantes e Dexo (actualmente máis de 5.000 persoas). O Partido Popular pretendía, inicialmente, reducir exclusivamente a ampliación dos servizos médicos á planta baixa, pero finalmente acabou aceptando a proposta de Alternativa dos Veciños.

En xaneiro de 2024 o pleno municipal xa aprobara reclamar á Xunta de Galicia a ampliación dos espazos destinados a centro médico no edificio da Casa do Mar, por estar infrautilizado. Nin PP nin PSOE votaron a favor naquel momento desa proposta. Agora, ano e medio despois, o PP cambiou de postura, non así o PSOE que continúa en contra de converter a Casa do Mar nun centro de saúde digno.

O Concello de Oleiros agarda que este cambio de postura do Partido Popular sexa real e non un anuncio propagandístico. Na man da Xunta de Galicia está acometer o antes posible a tan demandada ampliación de espazos e servizos médicos, que afecta directamente ao norte de Oleiros, pero tamén indirectamente aos demais centros de saúde do municipio, que quedarían máis aliviados.

O Goberno municipal de Oleiros, xunto coas entidades veciñais do norte do municipio, leva décadas reclamando a creación dun centro de saúde digno no edificio da Casa do Mar de Mera. Tal e como sempre se manifestou por parte do Concello, resulta cada vez máis urxente ampliar o espazo destinado ao consultorio médico de Mera utilizando máis espazos na Casa do Mar.

back link