Hemeroteca

Asset Publisher

Back O papel das redes sociais na adolescencia, a debate o venres na Fábrica

Oleiros, 3 de abril de 2018-. O próximo venres 6 de abril, ás 19:30 h, no auditorio da Fábrica, haberá unha charla aberta dirixida ás familias titulada Redes sociais e adolescencia. Que está a pasar?. As redes sociais son o lugar preferido para o ocio do 90% da mocidade. É fundamental que as familias teñan información para previr moitos dos problemas no futuro.

O contido desta charla non é de ciberseguridade na rede como outras similares que se organizan desde os centros educativos para as familias, nin as que teñen como destinatarios/as o propio alumnado. Esta xornada está enfocada ás familias, co obxectivo de coñecer os comportamentos e as relacións que manteñen os rapaces e as rapazas nesa idade, etapa fundamental no desenvolvemento e na que configuran a súa personalidade e identidade, así como as súas crenzas.

As redes sociais están a xogar un papel moi importante; posiblemente, hoxe en día, sexa un dos elementos de socialización máis importantes para eles e elas, polo que as familias deben coñecer de preto que hai detrás, que está a pasar nas relacións que manteñen a través deses canais, como inflúen na súa vida, no seu desenvolvemento, nas relacións entre iguais e coa súa familia.

Posteriormente á charla abrirase un coloquio co público asistente no que poderán realizar preguntas ás relatoras: Virginia Pañeda e Sara Vierna, educadoras especialistas en redes sociais, xénero, intelixencia emocional e coaching educativo, que nos achegarán á realidade que están a vivir as nosas fillas e os nosos fillos nestes momentos nas redes.
 

back link