Hemeroteca

Asset Publisher

Back O orzamento do Concello para 2026 será de 52,4 millóns

Imagen O orzamento do Concello para 2026 será de 52,4 millóns

O Goberno municipal aprobará o próximo 30 de outubro o orzamento do Concello para o próximo ano, que estará en vigor desde o 1 de xaneiro e que ascende a 52.455.000 euros, un 9,62% máis respecto ao do ano 2025. O 58 % dos recursos destinaranse a bens correntes, servizos básicos e persoal, para fortalecer aínda máis a prestación de servizos públicos e conservar axeitadamente a infraestrutura do Concello.

Tamén se realizará un investimento moi significativo en novas obras e servizos. Está previsto dedicar 19,7 millóns de euros para numerosas actuacións de asfaltados, melloras e creación de novos tramos de beirarrúas, renovacións da iluminación pública; melloras en parques e instalacións deportivas, sociais e culturais; obras de eficiencia enerxética en edificios municipais; e renovacións de redes de abastecemento de auga, saneamento e pluviais. Destacan a construción do multiusos de Bastiagueiro, a senda costeira de Naval a Canide, a grada no campo de fútbol de Montrove, a tubaxe xeral de auga de Oleiros, as beirarrúas de Bartolomé de las Casas ou as melloras no pavillón Arsenio Iglesias de Santa Cruz, entre moitas outras.

En canto aos ingresos, os impostos directos e indirectos supoñen igual que en anos anteriores un terzo do total. Hai un incremento importante nos ingresos procedentes doutras administracións pola obtención de fondos europeos e figura tamén un pasivo financeiro, aínda que realmente se estima que non será necesario ante a previsión de incorporación dos remanentes de Tesourería propios do Concello tras o peche do presente exercicio 2025.

Onte celebrouse unha asemblea coas entidades veciñais máis representativas na que o alcalde presentou o documento con máis detalle antes da súa aprobación no pleno municipal.


GASTOS

Persoal: 13.571.255 €

Gastos correntes: 17.112.416 €

Gastos financeiros: 42.010 €

Transferencia correntes: 1.523.230 €

Fondo continxencia: 350.000 €

Investimentos reais: 19.744.588€ 

Transferencia capital: 30.000 €

Activos financeiros: 36.000 € 

Pasivos financeiros: 45.500 €


INGRESOS

Impostos directos: 12.737.000 €

Impostos indirectos: 2.430.000 €

Taxas e prezos públicos: 3.813.850 €

Transferencias correntes: 14.671.605 €

Ingresos patrimoniais: 542.500 €

Alleamento invest. Reais: 1.574.251 €

Transferencias capital: 5.472.458 €

Activos financeiros: 36.000,00 €

Pasivos financeiros: 11.177.335 €