Oleiros, 02 de marzo de 2017-. Dentro das actividades desenvolvidas polo Concello de Oleiros dentro do Plan de Igualdade, o ano pasado levouse a cabo unha experiencia innovadora na que se traballaban as emocións a través do audiovisual. Dado o éxito da actividade e baseándose nesta forma de traballo, mañá venres abre o prazo para un novo obradoiro denominado Obxectivo eu, que pretende traballar as fortalezas e as debilidades, ter un maior autocoñecemento e iniciar un proceso de mellora.
Este obradoiro, que empregaba unha novidosa metodoloxía, acadou moi bos resultados e supuxo unha mellora no benestar emocional de todas as persoas participantes ademais de converterse nunha actividade moi gratificante para todas elas. O proceso creativo dun audiovisual da nosa imaxe sírvenos de ferramenta para acadar o obxectivo: a mellora de cada unha das persoas participantes co fin de conseguir o maior benestar posible.
O programa contará con dúas fases. A primeira, denominada enfocamos, estará centrada en recoñecer aqueles aspectos que quere acadar cada persoa, o que necesita. A segunda, denominada ponte en escena, pretenderase chegar a ter ou ser o que se visualiza na primeira fase
Esta actividade vaise desenvolver os venres, en horario de 10:30 a 13:00 horas, no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude no rexistro municipal desde o venres 3 de marzo ata o 9 de marzo inclusive. Os formularios poden recollerse nas dependencias de servizos sociais ou descargarse a web municipal no apartado da propia concellería de servizos sociais. As prazas ocuparanse por orde de inscrición.
Para unha maior información as persoas interesadas poden dirixirse ao departamento de Servizos Sociais de Oleiros ou ben a través do teléfono de atención ao veciño 981 610 000.