• Con esta nova entrega de Vivir en Oleiros envíase tamén o libro O Deporte en Oleiros
• Actualizáronse tamén as bolsas oficiais do Concello con imaxes que descobren a beleza do noso contorno
Oleiros, 27 de outubro de 2010.- O Concello de Oleiros editou o novo número do periódico municipal Vivir en Oleiros que estará nas casas a próxima semana. Esta publicación periódica trimestral, que chega xa ao seu número 34, forma parte do sistema de comunicación aos veciños e ás veciñas de Oleiros, ademais de Radio Oleiros, a páxina web do Concello, o servizo de novas e os paneis luminosos que están espallados por todo o municipio.
Este novo número inclúe temas de actualidade como a información sobre a nova piscina de Dorneda, a deterioración da casa do mar de Mera; as obras demandadas á Xunta, que por tratarse de estradas autonómicas é a Xunta a que ten que realizalas; así como a adquisición do terreo en Nós para a construción do novo colexio ou as obras municipais que se están a realizar e a limpeza de maleza nos camiños. Por outra banda, tamén neste Vivir os veciños e as veciñas poderán consultar as actividades do Programa 60+, dirixido ás persoas maiores de Oleiros; así como a programación cultural que encherá o outono de obras de teatro, concertos e espectáculos de danza. Ademais este Vivir incorpora un novo espazo de participación cidadá, Tribuna aberta, onde as persoas interesadas poden opinar sobre o tema que se desexe enviando os seus artigos a comunicacion@oleiros.org.
Este Vivir en Oleiros inclúe tamén un exemplar do libro O Deporte en Oleiros, unha nova publicación municipal onde á parte de recoñecer o labor de deportistas do noso Concello, fai un percorrido polas instalacións deportivas e polos clubs deportivos do municipio. Neste libro tamén se informa dos programas deportivos municipais e das competicións.
Novas bolsas oficiais do Concello de Oleiros
Así mesmo, o departamento de Alcaldía publicou unhas novas bolsas do Concello de Oleiros, logo de esgotar as anteriores, cun deseño máis moderno. As ditas bolsas están impresas en tons verdes, facendo referencia á natureza e inclúen algúns dos máis emblemáticos e fermosos lugares do noso Concello como o faro de Mera, Rialeda, o monumento ao emigrante, o Castelo de Santa Cruz e o parque de Nirvana.
Estas bolsas son entregadas polo Concello aos novos veciños e ás novas veciñas cun lote de publicacións municipais e tamén nos diferentes actos institucionais.