Hemeroteca

Asset Publisher

Back O modelo urbano de Oleiros recibe o recoñecemento internacional en Oporto como referente de espazo público e mobilidade

O concelleiro de Mobilidade, Pablo Cibeira, participou esta mañá en Oporto nas xornadas internacionais sobre espazo público organizadas pola prestixiosa entidade portuguesa Instituto de Cidades e Vilas com Mobilidade. Durante a súa intervención o edil destacou a importancia das políticas aplicadas polo Goberno municipal de Alternativa dos Veciños durante os últimos 48 anos, o que permitiu que Oleiros pasase de contar con apenas 3 edificios públicos no 1978 a un total de 143 na actualidade, así como 1.200.000 metros cadrados de parques, bosques e zonas verdes públicas.

Cibeira destacou que o urbanismo con enfoque social que se aplica en Oleiros, en contraposición do urbanismo liberal que impera noutros municipios, resulta determinante para demostrar que é posible construír territorios prósperos nos que prime, ante todo, o público e o humano. Unha xestión que non só favorece ás clases traballadoras senón que tamén mellora as condicións para o crecemento económico e empresarial.

“Todo isto que temos non foi un regalo, nin caeu do ceo. Foi logrado a pulso, baixo un gran liderado e a participación de centos de persoas que se implicaron moitísimo nese gran fronte amplo que é Alternativa dos Veciños. Un partido independente, pequeno no material, pero grande, mellor dito inmenso, no seu capital humano. Nin a falta de axudas doutras administracións superiores, nin os boicots partidistas, nin os 28 anos gobernando en minoría impediron a consecución do noso proxecto político”, dixo o concelleiro de Mobilidade, Comunicación e Novas tecnoloxías.

A aprobación e execución dos 3 plans de urbanismo deseñados polo Goberno municipal permitiu acadar o concello que maioritariamente quería a cidadanía: un lugar para vivir, con servizo públicos de calidade, que puidese medrar respectando o medio natural, sen aglomeracións, con seguridade xurídica...  Un desenvolvemento que permite unha elevada calidade de vida grazas inmensa infraestrutura pública creada e á especial dinamización que se lle dá por parte do Concello e tamén das numerosas entidades e asociacións veciñais.

A participación do Goberno municipal na xornada de hoxe en Oporto, xunto a alcaldes portugueses e españoles, o ministro de Economía luso ou a Secretaria de Estado de Mobilidade, supón un novo e importante recoñecemento internacional ao modelo urbano de Oleiros.
 

back link