Hemeroteca

Asset Publisher

Back O mel non caduca, unha comedia para concienciar, este sábado no auditorio García Márquez

 Oleiros, 4 de novembro de 2020-. A compañía Ibuprofeno Teatro presenta o sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera a obra O mel non caduca. Marián Bañobre e Avelino González forman o elenco desta obra de Santiago Cortegoso.

 
O mel non caduca é unha obra para emocionar e concienciar, e tamén para rir e reflexionar. Rir de nós mesmos, como individuos e como especie. Cuestionarnos como puidemos, como humanidade, ter chegado ata aquí.
 
Dous científicos/apicultores, en 2173, levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos, nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado. Dous irmáns volven á casa familiar na aldea pola morte da súa nai. O conflito aflora cando deben xestionar as pertenzas familiares. Estas dúas tramas compleméntanse con outros textos (monólogos e diálogos) e con escenas xestuais e de movemento escénico. É unha mestura de claves, un espectáculo moi aberto que toma elementos do teatro xestual, da imaxe, da instalación, do clown, da narración, do realismo, do texto contemporáneo, que vai saltando do máis poético ao máis cru, do realismo ao onírico. E todo en clave cómica, empregando a ironía e o humor, en múltiples e diferentes formas.
 
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, a 2,50 euros, ata completar a capacidade da sala. A obra está recomendada para maiores de 12 anos. 
 
Ante a situación sanitaria, e seguindo as directrices das autoridades, a capacidade da sala estará limitada. Será obrigatorio manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender as indicacións e normas da organización.
back link