Oleiros, 11 de setembro de 2015-. A construción do muro de contención no porto de Santa Cruz comezará o día 15 de setembro. Portos de Galicia levará a cabo o muro e na parte superior, no acceso á praia de Naval, o Concello de Oleiros asfaltará o camiño e creará un aparcadoiro.
Logo de meses de espera, o Concello de Oleiros entendeu que non tiña sentido comezar as obras en xuño polo grave prexuízo que supoñería para todos os negocios de hostalería. “A partir do día 15 vaise traballar arreo para levantar ese muro de contención para que deixe de desplomarse terra sobre o porto de Santa Cruz, con perigo para os cidadáns”, explicou o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.
O alcalde tamén anunciou que nos orzamentos de 2016 incluirase unha partida para avanzar o máximo posible na ordenación da zona verde que vai desde a Praia de Naval ata o porto de Santa Cruz. “Coa construción do muro, aseguramos o terreo. Ademais, ao facer o acceso e o aparcadoiro, xa lle imos dando forma a ese gran parque que realizaremos alí nos 35.000 metros cadrados que expropiamos”, dixo.