Oleiros, 29 de xullo de 2016-. A XXII edición da feira Alfaroleiros terá lugar un ano máis no parque Luis Seoane de Santa Cruz entre o mércores 3 e o domingo 7 de agosto. Esta mostra, única en todo o territorio español, ofrece o mellor da olería tradicional e unha chea de actividades lúdicas e culturais para todos os públicos que converten a Santa Cruz nun lugar de referencia para miles de visitantes.
Alfaroleiros converteuse co paso dos anos nun importante atractivo turístico do municipio. A afluencia masiva de visitantes supón unha inxección económica considerable para a hostalería e o comercio local. Coa organización desta feira, o Goberno municipal tamén persegue a defensa dos oficios tradicionais fronte ás tendencias globalizadoras que condenan á desaparición as producións artesanais.
O horario de exposición das pezas será de 10:00 a 22:30 horas. Durante ese tempo os oleiros participantes, os mellores nas súas respectivas zonas de procedencia, ensinarán e venderán as súas creacións e realizarán diversas demostracións. Ademais, o alumnado do obradoiro de olería do Concello de Oleiros tamén exporá os seus mellores traballos.
As actividades culturais e de ocio previstas para esta edición de Alfaroleiros terán lugar no parque Luis Seoane e na praza Esther Pita.
PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES
Mércores 3 de agosto
19.00 h Obradoiro de olería para nenos e nenas impartido polos ceramistas Antón Román e Susana Gonzalez, da Asociación Galega da Cerámica.
Xoves 4 de agosto
19.00 h Ginkana onde participará o alumnado do obradoiro infantil de olería de verán.
19:30 h Os Xogos do Paporrubio: compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria.
21.00 h Concerto da Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros.
22.15 h Proxección de cine de verán: “Maléfica”.
Venres 5 de agosto
19.30 h Os Xogos do Paporrubio: compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria.
20.30 h Teatro dos Ghazafelhos presenta o seu espectáculo teatral de rúa “As mil e unha noites”, dirixido a un público familiar, a partir de 5 anos.
Sábado 6 de agosto
20.00 h A compañía Circo Chosco presenta o seu espectáculo Forzu2, un espectáculo de malabares, acrobacias aéreas e clown dirixido a un público familiar).
Domingo 7 de agosto
21.00h Peche da Feira co concerto da agrupación Hot Chocolates.