Oleiros, 6 de novembro de 2017-. O vindeiro luns día 13 de novembro comezarán a obras de construción do sifón na avenida Ernesto Che Guevara. Aínda que nas primeiras semanas vanse manter os dous carrís de circulación, o Concello de Oleiros recomenda empregar os desvíos para reducir os problemas de circulación.
Para evitar atascos, recoméndase que toda a veciñanza do norte do municipio empregue a vía Ártabra para dirixirse cara A Coruña pola N-VI. No caso daqueles que viven na parte baixa de Dorneda, en Santa Cruz e Bastiagueiro, a mellor opción que teñen é desviarse no monumento a Che Guevara cara a avenida da II República, coller a rúa da Barreira para baixar a Rosalía de Castro e incorporarse á ponte da Pasaxe tras pasar pola rotonda de Santa Cristina. Para regresar da Coruña, poderán facelo pola rotonda de Santa Cristina, a rúa Corredoira das Viñas, a rúa da Piscina –que cambiará de dirección-, e a rúa Miradoiro para chegar ao monumento a Che Guevara.
Para axilizar a circulación na N-VI, vai pintarse unha rotonda na intersección de Sol y Mar e eliminaranse todos os semáforos, agás o dos peóns. A rotonda impedirá que os vehículos que circulen dirección Madrid poidan xirar cara a estrada de Montrove. Os condutores que desexen facelo terán que cambiar de sentido á altura da DGT ou desviarse máis adiante, no Seixal, a través da rúa Salvador de Madariaga.
Esta semana rematarán as obras de pintado e sinalización dos desvíos. Durante os primeiros días haberá axentes da Policía Local e da Dirección Xeral de Tráfico regulando a circulación. Igualmente, colocaranse sinais informativos ao longo de toda a estrada e os paneis luminosos municipais ofrecerán información de xeito claro.
Xunto co tanque de tormentas que se está a construír en Santa Cruz, esta importante actuación que ronda os dous millóns de euros completará definitivamente a rede de saneamento do Concello de Oleiros. A obra consiste, entre outras cousas, na colocación dunha grande tubaxe dun metro de diámetro baixo o carril dereito da avenida Ernesto Che Guevara -dirección A Coruña, desde a rotonda do monumento ao Che ata a ponte da Pasaxe-, que obrigará a cortar ese carril en tramos de 100 metros.