Hemeroteca

Asset Publisher

Back O luns abre o prazo de inscrición para un obradoiro de crecemento persoal para mulleres

Oleiros, 04 de marzo de 2016-. O Plan de igualdade de trato e non discriminación entre mulleres e homes do Concello de Oleiros continúa a súa aposta pola realización de actividades dirixidas ao fortalecemento das mulleres en todos os ámbitos, traballando as emocións e o seu benestar físico a través de distintos obradoiros. Desde o programa “Creando o noso mapa” que desenvolve a Concellería de Servizos Sociais ábrese o prazo para un novo “Obradoiro de Desenvolvemento Emocional”, unha actividade deseñada para mulleres que se atopan nun proceso de cambio positivo, que desexan tomar decisións acerca do seu proxecto de vida, pero que se encontran con atrancos por sentimentos de inseguridade, indefensión, medo, angustia...

É unha actividade gratuíta, con prazas limitadas, que empezará o 29 de marzo e que se desenvolverá semanalmente, todos os martes, ata o 10 de maio nas instalacións da Fábrica en Santa Cristina en horario de 11:00 a 13:00 h.

Para participar nesta actividade teñen que inscribirse previamente, entre o 7 e o 11 de marzo. As solicitudes poden atopalas no apartado da Concellería de Servizos Sociais da web municipal ou nas propias oficinas municipais deste departamento.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición realizarase unha entrevista persoal con cada muller que o solicitou co fin de coñecer mellor a súa situación e poder adaptar a actividade ás participantes.

Dentro deste mesmo programa, recentemente, púxose en marcha o obradoiro do corpo na Casa da Cultura de Perillo cun grupo de 18 mulleres que acode semanalmente a esta actividade. Dado o éxito de inscricións estase a valorar a posibilidade de iniciar nos próximos meses un novo grupo coa xente en listaxe de agarda e algunha máis que puidese estar interesada.

Con posterioridade á Semana Santa está previsto poñer en marcha outro obradoiro máis, a través dunha convocatoria aberta da que se dará debida conta, no que tamén se traballarán as emocións a través dun proxecto creativo.

Todas estas actividades inícianse coincidindo co 8 de marzo, Día da Muller, e que dende outras áreas do Concello de Oleiros vaise conmemorar, entre outras, coa obra de teatro “O Furancho” que haberá mañá sábado, 5 de marzo, no auditorio de Mera.
 

back link