Oleiros, 7 de setembro de 2017-. O vindeiro luns abre o prazo de inscrición para diversas actividades culturais que comezarán en outubro: a escola de artes plásticas para nenos e nenas, os obradoiros de teatro e olería para todas as idades e o obradoiro de debuxo e pintura para mozos e mozas. Así mesmo, tamén continuará coa súa actividade o alumnado do Grupo Estable de teatro, que leva xa varios anos de traxectoria teatral con grande éxito de participación e continuidade.
A principal novidade deste curso é o obradoiro de debuxo e pintura para rapazas e rapaces nados entre os anos 2000 e o 2005. Baixo o nome Visión e práctica da arte, as sesións desenvolveranse os xoves de outubro a decembro, con posibilidade de continuidade a partir do mes de xaneiro.
Para ter máis información e formalizar as inscricións, as persoas interesadas poden dirixirse á Fábrica, en Perillo. Tamén poden chamar ao teléfono 981 610 000 (extensións 4915 e 4916) ou contactar mediante enderezo electrónico con cultura@oleiros.org ou r.caparros@oleiros.org.