Oleiros, 07 de abril de 2018-. O Concello de Oleiros organiza un obradoiro titulado “Conéctate á adolescencia 3.0” co obxectivo de apoiar as familias a conectar e mellorar as relacións cos fillos e fillas na adolescencia. O obxectivo do obradoiro é contribuír a dotar de ferramentas e recursos para mellorar as relacións nos contornos familiares; non perder a comunicación entre xeracións e seguir mantendo relacións de calidade nun mundo cada vez máis tecnolóxico no que, sorprendentemente, cada vez estamos máis comunicados pero cada vez máis illados.
Tamén é importante coñecer a incidencia e a importancia que teñen as novas tecnoloxías e as redes sociais nesta etapa da vida, na que se están a formar as personalidades e que inflúen moi notablemente nas súas relacións e crenzas. A través de técnicas de coaching educativo, de mindfulness e de educación emocional buscaremos reforzar e manter unhas relacións de calidade nas familias e que non se perda o contacto.
A actividade será impartida por Virginia Pañeda e Sara Vierna, profesionais con ampla experiencia en todos estes campos así como no traballo con adolescentes.
O obradoiro desenvolverase en 8 sesións, de dúas horas de duración cada unha delas, os mércores, en horario de 19:00 a 21:00 h, na última planta da Casa da Cultura de Perillo. Serán un total de 15 prazas, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición, dirixidas a pais e nais de menores con idades entre os 9 e os 17 anos de idade que figuren empadroados/as no Concello de Oleiros.
O proceso de inscrición será única e exclusivamente a través da web municipal, na pestana nun click, dentro do apartado de catálogo de trámites, no Obradoiro Conéctate á adolescencia 3.0. O prazo vaise abrir o luns 7 de abril ás 10:00 h ata o venres 13 de abril ás 14:00 horas.