Oleiros, 11 de setembro de 2015-. O luns ábrese o prazo de inscrición para os obradoiros de olería infantil e xuvenil organizados polo Concello de Oleiros. As clases impartiranse no Alfar situado no centro cultural As Torres, de Santa Cruz, entre os meses de outubro e xuño. As prazas son limitadas.
Nestes obradoiros amósase o proceso de creación dunha peza de barro desde o moldeado ata a cocción, os diferentes instrumentos de transformación do material e as técnicas de cocción máis empregadas. As clases do obradoiro infantil serán os sábados de 12:00 a 13:30. Poden formar este grupo os nenos e nenas nacidos entre 2004 e 2009. Para os nacidos entre 1998 e 2003 as clases tamén serán os sábados, de 10:30 a 12:00. Para inscribirse e obter máis información hai que dirixirse ao departamento de cultura do Concello de Oleiros: cultura@oleiros.org ou 981 610 000.