Oleiros, 16 de abril 2014-. O próximo luns día 28 celebrarase unha sesión plenaria na que ente outros asuntos, debaterase a aprobación de dous puntos importantes para o municipio. Finalmente, tras unha longa tramitación por parte da Xunta de Galicia o pleno municipal votará a aprobación definitiva do documento refundido do Plan Xeral, segundo sinalou esta mañá o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. Neste documento recóllese o Plan Xeral aprobado en 2009 máis a nova regulamentación das zonas que quedaron fóra de ordenación, ben na área suspendida pola influencia da pegada sonora do aeroporto de Alvedro imposta polo Ministerio de Fomento ou nos 13 núcleos que a Xunta de Galicia excluíu da aprobación do actual plan.
Así mesmo, ademais deste punto, durante a sesión do próximo luns día 28 votarase a aprobación definitiva do Plan parcial da urbanización de Dorneda que inclúe o futuro campo de golf. Este punto foi aprobado no seu día, pero diversos cambios neste ámbito provocaron que o dito documento tivese que regresar á fase de tramitación.
Expropiados pola vía Ártabra
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, volveu a incidir esta mañá na necesidade de que a Xunta de Galicia pague as expropiacións nos terreos afectados pola vía Ártabra ao seu paso polo municipio. O rexedor destacou que o Goberno autonómico está faltando á súa palabra ao non cumprir aquilo que prometeu cando se puxo en funcionamento esta estrada. O Concello instará á Xunta de forma oficial a que aboe os importes pendentes en relación a este proceso de expropiación.