Oleiros, 10 de marzo de 2017-. O Concello de Oleiros segue a traballar na organización do intercambio cultural para a mocidade coa cidade italiana de Buccino. Os rapaces e rapazas italianos virán a Oleiros a primeira semana de agosto e os oleirenses irán a Italia a última semana do mesmo mes.
Está previsto que participen nesta actividade un grupo de entre 35 e 40 rapaces e rapazas de Oleiros, maiores de 18 anos. O aloxamento sería nas casas das mozas e mozos italianos, que no momento de vir a Oleiros durmirían nas vivendas da rapazada de aquí.
Este non sería o primeiro intercambio xuvenil entre Oleiros e Buccino. Noutras dúas anteriores ocasións xa se realizou esta iniciativa. “Eu quero que os mozos de Oleiros se intercambien con outros rapaces de Europa, que teñan as súas vivencias. O viaxar sempre ilustra e é moi gratificante”, comentou o alcalde.
Aquelas persoas interesadas en obter máis información deben dirixirse ao Departamento de Xuventude, na Fábrica. Tamén poden chamar ao 981 610 000 ou enviar un correo a c.xuventude@oleiros.org.