Oleiros, 29 de xuño de 2021-. O Concello de Oleiros ten regulamentado distintos recursos para facer fronte a situacións de desprotección que non son cubertas por ningunha outra administración pública. Para acadar unha maior fortaleza e axilidade de resposta na cobertura das necesidades básicas dos veciños e veciñas de Oleiros, o Goberno municipal vai aprobar unha nova ordenanza de medidas de inclusión social no pleno que se celebra mañá a partir das 19:30 horas na Casa Charry.
Hemeroteca
Asset Publisher
Entre outros cambios, esta nova ordenanza contempla un incremento das prestacións económicas e un aumento das axudas e descontos por aluguer ou hipoteca. Así mesmo, increméntanse as contías das medidas de apoio na alimentación e na hixiene persoal e doméstica en todas as súas modalidades. Nas prestacións de apoio ao comedor escolar, auméntase a retroactividade, pasando de 15 a 30 días e as prestacións de apoio á escolarización pasan a ser absorbidas polas axudas económicas, facilitando así que se poidan solicitar ao longo de todo o ano. En todos os casos a tramitación será máis áxil, xeneralizándose o uso de transferencias bancarias e pasando a un uso residual os cheques nominativos.
Na articulación de todas as medidas tamén se considera fundamental traballar a prol de apostar por respostas cada vez máis dignas, respectuosas e menos estigmatizantes para a poboación, sendo o obxectivo que a oferta se produza nun contexto de confianza mutua, diálogo e apoio coa administración e cos equipos profesionais que teñen encomendada esta tarefa.