Arredor de 80 lideresas municipais participan no encontro. Durante dúas xornadas, alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique, Brasil, Galicia ou Mallorca porán de relevo a necesidade de impulsar a participación política das mulleres e de derrubar as barreiras coas que se atopan. O evento está organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co apoio do Concello da Coruña, a Deputación Provincial e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
O Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ alíñase coa meta 5.5 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que chama a “asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública”. Ademais, o evento coincide coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, que este ano se celebra baixo o lema ‘Os nosos dereitos, o noso futuro, xa!’, lembrándonos que “todas as persoas deben poder exercer o seu dereito a participar de maneira significativa na vida pública”.