Oleiros, 30 de novembro de 2015-. O Concello de Oleiros denuncia novamente a vertedura de escombros que Autopistas do Atlántico realiza, desde hai máis dun ano, nunha zona protexida da Barcala. O Goberno municipal leva informando desta situación durante todo ese tempo pero, ata o momento, a Xunta de Galicia non atendeu as reclamacións oleirenses.
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, lembrou que en chan rústico é a Xunta a administración competente para sancionar e frear as infraccións. “Nós, desde o Concello, o único que podemos facer é avisar”, explicou. Ademais, García Seoane lamentou a dobre vara de medir da Xunta á hora de esixirlle aos veciños excesivos controis por actuacións legais mentres empresas como Autopistas do Atlántico poden cometer infraccións con total liberdade e impunidade.