Oleiros, 11 de decembro de 2013-. O Goberno local de Oleiros súmase á protesta contra a reforma da Administración local. Baixo o lema “Defende o teu concello” está convocada por distintas plataformas, sindicatos e partidos políticos, para o 12 de decembro, ás 12:00 horas, nas portas de todos os concellos de España, unha concentración de rexeitamento á reforma da administración local do goberno do PP.
Unha iniciativa impulsada polo Ministerio de Facenda do Goberno de España co obxectivo de diminuír as competencias dos concellos en temas tan importantes como poden ser os servizos sociais. Esta reforma parte dunha grande mentira por parte do secretario de Estado do Ministerio de Administracións Públicas, Antonio Beteta, ao cualificar de impropia a competencia da prestación dos servizos sociais por parte dos concellos, xa que a Lei 7/85 de bases de réxime local recolle expresamente como competencia dos concellos a “prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social”
O actual proxecto reduciría o papel dos concellos a avaliar e informar das situacións de necesidade e a atención inmediata das persoas en situación de exclusión social, tarefas propias dun sistema benéfico asistencial característico de principios do século XX e non dun sistema de servizos sociais inclusivo, integral e amplo como co que contamos hoxe en día.
Con esta reforma perséguese a privatización de parte dos servizos sociais que se están a prestar hoxe en día e dos que pode sacarse un lucro, como pode ser o servizo de axuda no fogar, pero outros moitos desaparecerán, coa conseguinte perda de servizos para a cidadanía e a desaparición de numerosos postos de traballo.
Outra das graves consecuencias é a perda da cohesión social, o incremento das desigualdades e un incremento da pobreza no noso contorno. É fundamental que toda a cidadanía, ademais dos políticos e traballadores, defendamos os nosos concellos deste ataque ao principio constitucional de autonomía dos concellos e ás competencias recoñecidas polo marco xurídico.
O Goberno municipal súmase a esta iniciativa social e convoca o persoal e toda a ciudadanía a unirse mañá xoves a unha concentración na porta do Concello de Oleiros ás 12:00 horas, na defensa dos concellos, especialmente ante a perda de competencias en servizos sociais.