Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Goberno municipal continúa fomentando a economía local coa guía ¿Atópao en Oleiros¿

Oleiros, 27 de outubro de 2015-. As políticas de fomento da economía local seguen a ser unha prioridade para o Goberno municipal. Tal é así que, co obxectivo de seguir potenciando o consumo nos comercios de Oleiros, acábase de editar a guía “Atópao en Oleiros” que permite localizar e identificar a todas as empresas existentes no municipio. O libro, que chegará proximamente a todos os domicilios, presenta 879 negocios agrupados por actividades económicas.

O alcalde, Ángel García Seoane, en compañía da concelleira de Promoción Económica, Teresa Vázquez Maseda, e da axente de desenvolvemento local, Bárbara Caramés Abeijón, presentaron esta práctica guía nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello. O alcalde destacou a utilidade deste libro, que abarca todos os ámbitos laborais e produtivos, e que está dirixido a todos os posibles consumidores, veciños, veciñas e ás propias empresas como demandantes e contratantes de servizos.

A publicación conta con 150 páxinas e presenta a oferta das empresas en 15 grupos de actividades (alimentación, beleza, comercio, deporte, saúde…) e 77 tipos de rexistros máis concretos, que veñen determinados polos produtos e servizos que ofrecen. A guía recolle o nome comercial de cada negocio, o enderezo, os datos de contacto e a información sobre os servizos que ofrece. Ademais, nas primeiras páxinas aparecen teléfonos de interese xeral de uso habitual.

O alcalde tamén destacou a dificultade do proceso de elaboración desta publicación xa que o dinamismo empresarial de creación, cambios e peches é moi elevado, polo que a actualización dos rexistros non é para nada doada. Na web municipal tamén existe un directorio de empresas, que seguirá actualizándose e está aberto a calquera empresa que desexe incluírse. A aparición, tanto na guía coma no directorio web, é voluntaria e gratuíta.


 

back link