Oleiros, 24 de novembro de 2016-. O pleno municipal celebrado esta tarde serviu para que, entre outras cousas, o Goberno local aprobara o novo regulamento de subministración domiciliaria de auga que vén a actualizar o que estaba en vigor ata hoxe, do 1967. O novo documento, ademais de adaptarse ao marco legal existente, regula o servizo da auga potable tendo en conta a profunda transformación experimentada no concello nos últimos 50 anos.
Os dous cambios máis salientables introducidos no regulamento liberan aos particulares de varios gastos importantes. A empresa subministradora do servizo de auga pasará a asumir as avarías que se produzan nas canalizacións que van desde a rede xeral ata os domicilios. A concesionaria tamén pasará a asumir a responsabilidade sobre os contadores, eliminando posibles custos para os veciños, e terá que cambiar todos os existentes no municipio nun prazo de 10 anos. Para que o Concello de Oleiros poida asumir eses custos engadidos, o recibo da auga incrementarase en 41 céntimos ao mes. Ademais, establécense taxas para unha serie de manobras e operacións que o regulamento anterior non contemplaba e que son moi frecuentes a día de hoxe.
O Goberno municipal tamén aprobou na sesión de hoxe unha modificación do Plan xeral de ordenación municipal para que a Xunta de Galicia desclasifique un conxunto de edificacións ubicadas en Oleiros e en Coruxo. Cando rematen os trámites, os propietarios das casas afectadas poderán reformalas ou proceder á súa demolición, nos casos nos que se atopen en ruínas. O Concello, a petición dos donos das vivendas, xa solicitara con anterioridade á Xunta de Galicia que desclasificase as construcións xa que non teñen valor arquitectónico e o seu estado degrada notablemente os contornos dos lugares onde se atopan.
Outro dos temas importantes foi a ratificación da denominada Declaración de María Pita que xa asinara o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, hai unhas semanas na Coruña. O pleno do Concello de Oleiros aprobou por maioría absoluta o documento co que se pretende iniciar o proceso de construción da Área Metropolitana da Coruña, que de formalizarse aportará múltiples beneficios a todos os municipios da comarca.