Oleiros, 27 de novembro de 2015-. O Goberno municipal participará mañá na manifestación convocada para 12:00 horas na praza de María Pita para amosar a repulsa de Oleiros aos ataques terroristas de París e Líbano, aos bombardeos contra a poboación civil siria, aos recortes democráticos como ineficaces garantías de seguridade e á política exterior belicista iniciada polo tridente Bush-Blair-Aznar. Da mesma maneira, o Concello de Oleiros anima a todos os veciños e veciñas de Oleiros a sumarse a esta iniciativa.
Os brutais atentados perpetrados en París o pasado 13 de novembro buscaban instaurar un clima e un réxime de terror entre a poboación, levantando muros de sospeita e odio entre veciños, crebando a vida en comunidade e instaurando a política do medo no noso día a día. Se a resposta á barbarie pasa por suspender dereitos, recortar liberdades e encerrarnos en casa, a vitoria do terrorismo será total. Se á dor polas vítimas inocentes respóndese provocando máis dor a outras tamén inocentes, a espiral será imparábel. Se buscamos culpábeis entre os nosos veciños e veciñas polo simple feito de vestir ou pensar diferente, se criminalizamos a quen foxen precisamente dese mesmo horror, estaremos a contribuír a apontoar os mesmos muros que o fanatismo quere crear. Non podemos permitilo.
O fanatismo terrorista do Daesh (ISIS) é funcional e retroalimenta ao fanatismo racista europeo, mentres os nosos Gobernos practican recortes de dereitos sociais e liberdades fundamentais, xenofobia institucional e bombardeos indiscriminados, que se demostraron ineficaces. Negámonos a participar no falso mercadeo entre dereitos e seguridade. Aquí, en París, en Iraq ou en Siria, son os pobos os que pon as mortes mentres uns e outros trafican con influencias, armas e intereses xeoestratégicos. O odio fanático duns non pode esgrimirse como xustificación para novos odios. Negámonos a ser reféns do odio, o terror e a intolerancia, iso sería claudicar ante o terrorismo.
A democracia, os Dereitos Humanos e a aspiración a unha paz con xustiza non son un camiño nin unha moeda de cambio para nada, senón que constitúen en si mesmos o camiño e o horizonte, ademais da mellor resposta contra quen queren acabar con eles. Por iso, o Concello de Oleiros oponse drasticamente a calquera resposta ao odio que implique máis odio, máis intolerancia, máis mortes de inocentes e menos dereitos e liberdades.